Thursday 09 de May de 2024

Ritmo, festa e tradición no XXIV Encontro de Grupos de Danzas Rexionais


A parroquia de Leira acolleu esta cita folclórica, na que participaron un total de seis formacións das provincias da Coruña e Pontevedra

Novamente a parroquia de Leira foi punto de encontro para as persoas amantes e afeccionadas á música e ao baile tradicional. Centenares de asistentes, animados polo bo tempo moitas e moitos deles, achegáronse ata este recuncho rural de Ordes para desfrutar co XXIV Encontro de Grupos de Danzas Rexionais. Unha cita organizada polo Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira en colaboración co Concello de Ordes.

Tras a tradicional comida campestre, arredor da media tarde deu comezo o festival propiamente dito. Para esta edición o cartel estaba protagonizado polas seguintes agrupacións: Grupo de Baile e Música Tradicional Os Rueriños (Oleiros), Grupo Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre (Oroso), Grupo Folclórico Fibulas (Pontevedra), Grupo de Danzas Pena Xuntanza (Pontevedra) e Pinga de Troula. Gaita, Pandeireta e Canto. A todos eles hai que sumarlles o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira, anfitrións e organizadores desta celebración, os cales novamente contaron coa colaboración do Concello de Ordes.
Como representante do ente estivo, Jose Manuel Mira Gómez concelleiro delegado de cultura, festas, mantemento e servizos que se encargou de entregar as placas conmemorativas aos músicos e aos bailaríns participantes.